Unha delegación de Movemento Sumar, formada pola portavoz Verónica Barbero, o deputado Manuel Lago e o secretario xeral Paulo Carlos López, acompaña á eurodeputada Estrella Galán nunha visita para coñecer a situación medioambiental do país.

Visitan Palas de Rei xunto coa plataforma Altri Non, para coñecer a afectación que tería a mega celulosa, tanto na economía local como nos bens patrimoniais. Así mesmo, reunirase coa plataforma “Mina Touro-O Pino NON”, para coñecer o impacto continuado da explotación no río Ulla. Rematarán a xornada en Noia, para coñecer a crise do sector marisqueiro en Galicia, e o impacto que o cambio climático e as actividades extractivas teñen nas rías.
En declaracións aos medios, Paulo Carlos López sinalou a posición contraria da organización á instalación de ALTRI na Ulloa. “Hoxe recibimos a Estrella Galán, a eurodeputada que defende os intereses de Galicia en Europa, para facer unha xornada de reivindicación polo territorio”. Indicou que estas visitas a Palas, Touro e Noia inciden en elementos medioambientais que “son moi importantes para a transición ecolóxica no noso país”.
Pola súa banda, a eurodeputada Estrella Galán afirmou que quería coñecer de primeira man o terreo afectado por “esta aberración ambiental que se quere cometer co aval da Xunta de Alfonso Rueda. Non lle importan os milleiros galegas e galegos que levan meses saíndo á rúa. A nós sí e por iso faremos o necesario para deter este proxecto que atenta contra Galicia”.
Sostén Galán que seguirá “insistindo as veces que faga falta ante a Comisión para que interveña e solicite a suspensión deste proxecto incompatible coa normativa europea”. “Impediremos que nin un euro dos fondos europeos poida ir a parar a un proxecto como Altri”.
Finalmente, a portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Barbero, anunciou que o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, vén de dirixir unha carta á Xunta solicitando unha xuntanza técnica para avaliar o impacto patrimonial da megacelulosa. Destácanse ademáis os efectos negativos da planta sobre o turismo, o sector primario ou, o que se considera máis inquietante, a saúde das persoas e os ecosistemas. E advirte que “non vai poñerse unha pedra e iniciarse a construcción sen o informe de ICOMOS”.
Barbero asegurou que Sumar está “en todas as frontes a defender que este proxecto debe pararse: no Congreso, no Parlamento Europeo, e nos ministerios. ALTRI ataca o patrimonio mundial que é o Camiño. É un atentado contra a saúde pública, contra as nosas augas, contra o medio ambiente, contra o sector primario e descoñece por completo o que quere a veciñanza.”
Unha ruta con tres paradas
Finalmente, sobre a ruta que están a realizar, a Palas, Touro e Noia, asegurou que “facemos un percorrido pola nosa terra, pensando na necesaria protección do medio ambiente. Galicia é o que queren as galegas e galegos. Ninguén votou a Rueda para inventar unha Galicia que non existe, situada no século XIX. Galicia mira cara ao futuro, mirando cara unha terra orgullosa que busca unha evolución que respecta a nosa historia”.
Tras visitar pola mañá unha coperativa de Palas e o castelo de Pambre, continuamos a ruta facendo unha parada en Touro, para coñecer de primeira man o impacto da mina de Touro-O Pino, unha explotación clausurada hai décadas que sen embargo continúa a contaminar as augas e terras do entorno, por mor do abandono dos seus responsables.
Finalmente, Estrella Galán, Verónica Barbero e Paulo Carlos López, reuníronse en Noia con compañeiras da asemblea e entidades que lles trasladaron a problematica do marisqueo e o impacto do saneamento das rías, o cambio climático e as actividades extractivas.
Sen dúbida, quedamos con deberes e novas iniciativas que trasladaremos ao Parlamento Europeo e ao Congreso, para actuar sobre estes asuntos.