Tras unha investigación exhaustiva, o Ministerio de Consumo de Pablo Bustinduy ordenou o bloqueo inmediato de máis de 65.000 anuncios ilegais (sen números de licenza, con rexistros falsos, etc.) en Airbnb.

No caso concreto de Madrid, a Audiencia apoiou a acción do Departamento de Consumo, tras un recurso da plataforma, e aprobou o bloqueo dun lote inicial de 5.800 anuncios.
Cremos que non hai xa máis escusas: igual que fai o Ministerio, todas as administracións deben actuar e aplicar as súas competencias e os mecanismos de inspección e sanción para garantir o dereito á vivenda.
No caso de Galicia, o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, vén de esixir á Xunta de Galicia e ao seu Presidente, Alfonso Rueda, que “actúe sen máis dilacións” sobre as case “10.000 vivendas ilegais que existen no noso País, máis dun 60%”, segundo datos facilitados polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Para López, “Rueda non está facendo absolutamente nada por reducir o prezo da vivenda en Galicia, comezando por non aplicar a lei”, nin tampouco por regular as vivendas de uso turístico, “que son unha peza máis da escalada de prezos que estamos vivindo”.
Para o Secretario Xeral de Movemento Sumar Galicia, son tres as cuestións que a Xunta debe promover. “Primeiro, instar aos propietarios á retirada dos anuncios dos portais; segundo, promover o cese inmediato de actividade; finalmente, abrir os conseguintes expedientes sancionadores”. Para López, “o cumprimento da lei é condición necesaria para baixar os prezos da vivenda, pero o PP e Rueda non están nin se lle esperan”.
Esiximos que o Partido Popular deixe de obstruír a aplicación da lei de vivenda e estar ao carón de quen precisa un fogar.
Os concellos do cambio demostraron que as sancións e a boa xestión son a mellor maneira de combater o negocio inmobiliario. Recollemos ese legado. Esta é unha vitoria que demostra que ningunha empresa, por poderosa que sexa, está por riba da lei. Ningún interese económico ten prioridade sobre o dereito á vivenda.