O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, aposta por abrir un proceso de diálogo entre as forzas progresistas de Galicia para artellar unha resposta unitaria fronte ao avance da extrema dereita. Nunha entrevista en Radio Nacional de España (RNE), López valorou “moi positivamente” os movementos producidos esta semana para relanzar a coordinación da esquerda, aínda que evitou adiantar fórmulas concretas.

“O primeiro é asumir que temos que acordar; a fórmula xa se verá”, sinalou. Sobre a proposta de que en cada provincia concorra só a forza con máis apoio para maximizar escanos, considerou que pode ser un “mecanismo razoable”, pero advertiu de posibles efectos desmobilizadores. “Non lle vou pedir a ninguén que non se presente ás eleccións xerais; o que pido é que sentemos a falar e acordemos mínimos de coordinación e programa”, subliñou, apelando á responsabilidade ante “o que vén”, en referencia á posibilidade de que a extrema dereita acade poder institucional.
López reivindicou o papel de Yolanda Díaz como “principal capital político da esquerda plurinacional” e defendeu que os liderados deben abordarse nunha segunda fase, unha vez exista vontade explícita de acordo. Ao seu xuízo, o acto celebrado esta semana en Madrid por varias forzas do Goberno evidencia que hai marxe para reeditar unha coalición progresista no Estado.
O obxectivo, 2028
Preguntado pola situación en Galicia tras dous anos de lexislatura, recoñeceu que non contar con representación no Parlamento galego obriga a centrar esforzos na construción organizativa, co horizonte posto nas eleccións autonómicas de 2028 e as municipais de 2027. Mentres, defendeu o labor no Congreso das deputadas e deputados de Sumar, citando o traballo en cuestións como a AP-9 ou a defensa das persoas traballadoras.
Críticas á Xunta pola vivenda
Boa parte da entrevista xirou arredor da política de vivenda. López cualificou de “fracaso absoluto” a xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de gobernar “por inercia” e sen proxecto propio.
Segundo afirmou, Galicia cumpre xa as condicións para ser declarada zona tensionada en todo o seu territorio polo incremento sostido dos alugueiros, que cifrou entre o 60 % e o 70 % nos últimos anos. Fronte a iso, defendeu mobilizar vivenda baleira, limitar prezos e frear a especulación.
O líder de Movemento Sumar Galicia anunciou tamén o impulso dunha iniciativa lexislativa popular centrada na vivenda, que cualificou como “o principal problema da cidadanía galega”.
Altri e mobilización social
Sobre o proxecto de Altri na Ulloa, asegurou que, de confirmarse o seu arquivo, sería “unha vitoria popular” fronte a unha iniciativa que cualificou de “bomba ambiental” e con escasa creación de emprego real. Ao seu xuízo, a mobilización social demostrou que “é útil” e que a democracia debe servir para resolver problemas, non para agravalos.
Podes escoitar a entrevista completa neste enlace: https://www.rtve.es/play/audios/galicia-informativos/entrevista-radio-nacional-radio-5-rtve-paulo-carlos-lopez-22-02-2026/16948902/