Polo dereito á información, pola democracia.

Este martes, 10 de xuño, volvemos sufrir un intento de boicot a unha das roldas de prensa que celebramos neste grupo parlamentario como parte do noso traballo. Desta vez, foi a nosa portavoz e presidente de Movemento Sumar Galicia, Verónica Barbero, quen volveu sufrilo.

Esta é a enésima vez que un destes militantes de extrema dereita que se fan pasar por xornalistas utiliza os recursos do Congreso dos Deputados para intimidar e difundir bulos, interrompendo o correcto desenvolvemento dunha rolda de prensa.
Estes axitadores de extrema dereita empregan a violencia e a intimidación para boicotear o noso traballo e o dos xornalistas que traballan nesta Cámara para garantir o dereito á información da cidadanía.
Hai só un mes, produciuse unha situación similar, pero non somos o único grupo que a sofre. Estas intimidacións son habituais nas roldas de prensa de todos os grupos parlamentarios, agás o PP e Vox. Ademais, estes ataques adoitan dirixirse especificamente ás mulleres, tanto deputadas como xornalistas, cun claro elemento de sexismo.
Ante unha situación que se volve cada vez máis insostible, esta Cámara debe tomar medidas xa. Polo tanto, solicitamos que se tramite urxentemente a correspondente reforma do Regulamento do Congreso dos Deputados para frear estas actitudes antidemocráticas.
E que, mentres se leva a cabo este proceso, se establezan medidas cautelares para garantir o correcto funcionamento das roldas de prensa e, polo tanto, o dereito á liberdade de información e de prensa dos cidadáns e xornalistas españois.
O que está en xogo é a democracia e dous dos seus piares: o Congreso e unha prensa libre.