Ramón Sarmiento: “Sumar Galicia desenvolverá unha mobilidade moderna, sostible e de futuro”

O cabeza de lista de Sumar Galicia pola provincia de Pontevedra, Ramón Sarmiento, reuniuse esta tarde con representantes do sector ferroviario na estación de Guixar, en Vigo. Esta xuntanza forma parte dunha serie de encontros que o número 1 por Pontevedra vén mantendo con diferentes colectivos afectados do ámbito do transporte por ferrocarril.

“Axúdannos a darlle forma ao conxunto da nosa proposta en materia de mobilidade”, afirmou Sarmiento.

“Desde Sumar Galicia promoveremos o desenvolvemento dunha rede de proximidade para o conxunto do noso territorio”, sinalou o número 1 por Pontevedra. “Galicia é das poucas Comunidades Autónomas que a día de hoxe non ten ferrocarril para dar servizos a eses movementos recorrentes desde zonas residenciais, zonas de traballo, polígonos industriais e cidades.”

A formación aposta por poñer unha mobilidade “barata, sostible e moderna” ao servizos dos galegos e galegas nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo. “Na comarca de Vigo, igual que na de Coruña, estamos a expor o desenvolvemento do metro lixeiro”, destacou Sarmiento. “Dispoñemos da infraestrutura en moito do noso territorio que o único que consistiría é en poñer a rodar por encima desas infraestruturas ferrocarrís que dean servizo ao Baixo Miño, que dean servizo ata o norte de Portugal, que dean servizo a Ourense, a Pontevedra, Catoira, Vilagarcía…”

Desde Sumar Galicia tamén propoñemos integrar o concepto da intermodalidade a través da dixitalización, nunha App que xestione os diferentes modos de transporte nas vilas e cidades galegas.

“Por que non dispoñer dunha app no noso móbil que nos garanta o acceso ao tren, autobús, ao alugueiro de bicicletas, o transporte interurbano, urbano, aos ferrys que atravesan as nosas rías?”, salientou o cabeza de lista.