O 22 de febreiro de 2024 reúnese a Comisión Promotora de Sumar Galicia para avaliar o resultado das eleccións. Tras o debate e deliberación, acórdase emitir a seguinte resolución:
- O resultado das eleccións galegas do 18F foi malo, sen paliativos. Non conseguimos os obxectivos marcados, que eran os de entrar no Parlamento de Galicia e o de provocar un cambio político na Xunta. Non fomos quen de transformar a ilusión dun cambio que existía en boa parte da cidadanía galega en votos para Sumar Galicia.
- En todo caso, seguimos. Temos unha deputada e un deputado no Congreso que traballarán a prol dos intereses dos galegos e das galegas. Sumar participa do goberno do Estado e temos futuro. Abriremos un proceso constituínte de Sumar Galicia. Para este proceso dotarémonos de regras de funcionamento regulado e áxiles, ademais dun órgano permanente do grupo promotor.
- Asentarémonos territorialmente en todo o pais, construíndo organización. A organización é necesaria para os nosos éxitos futuros. Entre todas definiremos cal é a mellor forma de asentarse no territorio, de cara a ter a máxima representación territorial na nosa I Asemblea.
- Participaremos na I Asemblea de Sumar estatal para achegar unha visión galega a un Estado e unha organización plurinacional.
- Participaremos activamente nas próximas eleccións europeas do 9 de xuño, achegando candidatos e candidatas, e aproveitaremos estes comicios para seguir construíndo organización. Queremos o mellor resultado para Sumar polo ben de Galicia e dos e das progresistas. Cada voto conta.