Sanidade: tres iniciativas con selo Sumar reforzan o carácter público do SNS

O Consello de Ministros aprobou o pasado martes 12 de maio de 2026 tres iniciativas en materia sanitaria impulsadas polo Ministerio de Sanidade que dirixe Mónica García. As tres responden a unha mesma orientación política, identificada co espazo de Sumar no Goberno: blindar a sanidade pública, facer o sistema máis progresivo e reforzar a atención á saúde mental.

1. Proxecto de Lei de Xestión Pública e Integridade do SNS. Derroga expresamente a Lei 15/1997, aprobada baixo o Goberno de Aznar, que abriu a porta á entrada xeneralizada da xestión privada na sanidade pública. A norma consolida a xestión directa como modalidade preferente e limita a xestión indirecta a supostos excepcionais, sometidos a avaliación previa por órganos colexiados con persoas expertas, profesionais e organizacións de pacientes. Será obrigatorio un informe da Oficina Nacional de Avaliación para verificar a sustentabilidade financeira de calquera contrato de concesión, priorizarase ás entidades sen ánimo de lucro en caso de empate nas licitacións e prohíbense os contratos nos que unha mesma empresa privada asuma simultaneamente a construción de infraestruturas e a xestión sanitaria. Os concertos asinados con anterioridade seguirán rexéndose pola normativa anterior. O proxecto inicia agora a súa tramitación parlamentaria nas Cortes.

2. Real Decreto-lei 11/2026 de reforma do copago farmacéutico. Xa en vigor tras a súa publicación no BOE. Supón un impacto presupostario estimado de 265,63 millóns de euros que deixará de pagar a cidadanía en achegas farmacéuticas. O sistema pasa de tres a seis tramos de renda en poboación activa e, como principal novidade, introdúcense por primeira vez topes mensuais de achega para rendas inferiores a 35.000 euros (8,23 €, 18,52 € e 61,75 € segundo o tramo), unha protección que ata agora só tiñan as persoas pensionistas. A reforma non incrementa a achega de ningún colectivo e reforza a protección de pacientes polimedicados con rendas medias e baixas.

3. Distribución territorial de 56,83 millóns de euros para saúde mental e prevención do suicidio en 2026. 39 millóns destínanse ás accións do Plan de Acción de Saúde Mental 2025-2027 e 17,83 millóns ao Plan de Acción para a Prevención do Suicidio. O reparto entre comunidades autónomas e INGESA combina un 5% lineal e un 95% por criterios poboacionais, e incorpora como criterios obrigatorios a equidade, a promoción de dereitos e o enfoque comunitario. Galicia recibirá 3,35 millóns de euros no conxunto de ambos os plans.

As tres iniciativas configuran o maior xiro en política sanitaria dende finais dos noventa. Fronte ao deterioro provocado por modelos coma o do Hospital de Torrejón —xestionado por Ribera Salud e envolto nun escándalo por priorización de obxectivos económicos sobre a atención—, o Goberno responde cun marco legal que sitúa o público no centro, cun copago máis xusto para as clases medias e traballadoras, e con financiamento específico e trazable para a saúde mental. A sanidade pública non se vende: deféndese.