Sumar rexistrou no Congreso unha batería de preguntas ao Ministerio de Vivenda tras coñecerse que a inmobiliaria Alquiler Seguro, investigada polo Ministerio de Consumo por prácticas abusivas sobre os inquilinos, se presentou como candidata a xestionar parte do parque de vivendas públicas en alugueiro asequible que impulsa a entidade estatal Casa 47, levantando serias dúbidas sobre a coherencia social e a protección efectiva dos dereitos das persoas inquilinas.

“A creación de Casa 47 foi presentada como unha ferramenta para blindar o dereito á vivenda fronte aos abusos do mercado, pero ese obxectivo queda seriamente comprometido cando se permite que empresas cun historial sancionador poidan optar á xestión de vivenda pública”, advertiu Verónica Barbero, portavoz do grupo parlamentario plurinacional Sumar.
A investigación do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 por prácticas abusivas contra persoas inquilinas, incluíndo cobros indebidos, imposición de servizos non solicitados e cláusulas potencialmente ilegais levou a unha sanción de 3,6 millóns de euros. Para Sumar, a mera admisión desta empresa no procedemento evidencia unha falla grave nos filtros iniciais.
“Non estamos falando dunha hipótese teórica nin dun problema menor. Estamos falando de que unha empresa sancionada pola propia Administración por vulnerar dereitos poida acabar sendo a cara visible do Estado ante persoas en situación de vulnerabilidade”, sinalou Barbero, que cualificou a situación de “politicamente inxustificable”.
Sumar subliña que as vivendas de Casa 47 están destinadas a persoas e familias que buscan protección fronte ás dinámicas abusivas do mercado privado. “Permitir que quen simboliza eses abusos poida xestionar alugueiro social supón deslexitimar de raíz unha política que debería ser exemplar”, afirmou a portavoz parlamentaria. “É unha labazada na cara das vítimas”.
A formación critica tamén que non se estea a priorizar un tecido amplo de entidades sen ánimo de lucro, cooperativas e fundacións con experiencia acreditada na xestión de vivenda social e no acompañamento habitacional. “O Estado ten alternativas solventes e socialmente responsables. Se non se priorizan, é porque se está a asumir unha lóxica de mercado onde debería primar o interese xeral”, engadiu Barbero. “Con esto, a ministra demostra que é a máis fiel vasala do lobby inmobiliario”.
Co rexistro destas preguntas parlamentarias, Sumar esixe ao Ministerio de Vivenda que faga públicos os criterios de selección das empresas candidatas, que estableza filtros claros que exclúan entidades con antecedentes sancionadores e que defina mecanismos reais de supervisión e control. “A vivenda pública non pode converterse nun novo nicho de negocio nin reproducir prácticas que alimentaron a emerxencia habitacional. Ten que ser unha garantía efectiva de dereitos”, concluíu a portavoz.