“A saúde mental é unha emerxencia de saúde pública e o PP é responsable do seu deterioro”

Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, o Movemento Sumar Galicia denuncia o abandono da sanidade pública por parte da Xunta de Galicia e reclama vontade política, orzamentos reais e persoal suficiente para garantir o dereito á saúde mental, especialmente entre a mocidade. A formación alerta de que Galicia vive unha auténtica emerxencia de saúde pública como consecuencia de anos de recortes e inacción do Partido Popular, que deixou o sistema sanitario sen medios nin profesionais para atender as necesidades psicolóxicas e psiquiátricas da poboación.

Segundo o informe SICRI 2024, unha de cada catro persoas está en risco de padecer problemas psicolóxicos, unha cifra que aumenta cada ano. A prevalencia é especialmente alta nas mulleres, cun 32 %, e nas persoas mozas, entre as que os trastornos de ansiedade, depresión e condutas autolesivas medraron de forma alarmante desde a pandemia de COVID-19. O Consello de Contas advertiu xa de que o Plan de Saúde Mental 2020–2024 da Xunta non se dotou a tempo nin de forma suficiente. Para o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, “en saúde mental, a propaganda do PP substitúe historicamente a acción, e as consecuencias están a sufrilas milleiros de familias galegas”.

A organización laborista considera que as listas de agarda para atención psicolóxica seguen a ser inxustificables: entre un mes en Pontevedra e ata doce meses en Santiago ou Vigo, segundo datos do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. “Cada día de espera non é unha estatística: é desesperación, dor engadida e a constatación dunha falta de resposta ante un deber público. Cada mes que pasa sen atención multiplica o sufrimento e cronifica os problemas”, engadiu López. 

Sosteñen así mesmo que a falta de profesionais de Psicoloxía Clínica está a provocar unha sobremedicalización da poboación galega, especialmente entre mulleres, maiores e mocidade. Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, publicado pola Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria, sitúa a Galicia como líder estatal no consumo de hipnosedantes, cun 14,1 % da poboación de entre 15 e 64 anos. Ademais, o Consello de Contas confirma un incremento sostido no consumo de ansiolíticos e antidepresivos, sen que isto se acompañe dunha mellora na atención psicolóxica. “O PP está a tapar con pastillas o que non quere resolver con profesionais. Esta sobremedicalización é o síntoma máis cruel dun sistema que renuncia a coidar ás persoas”, afirmou o secretario xeral.

Sumar Galicia advirte tamén de que a falta de recursos agrava o sufrimento das persoas e perpetúa os problemas de saúde mental, converténdoos nunha emerxencia social. O impacto é especialmente grave entre a mocidade galega, que vive nun contexto de precariedade, incerteza e soidade. A ausencia de espazos de acompañamento, orientación educativa e atención temperá agrava unha situación que xa é estrutural. “Non podemos seguir permitindo que a mocidade sinta que non hai futuro nin saída. Falar de saúde mental é falar de dereitos, de educación, de vivenda e de traballo digno”, sinalou López.

Sosteñen tamén que a epidemia silenciosa dos suicidios continúa sendo unha das caras máis duras desta emerxencia. En 2024, 300 persoas perderon a vida por suicidio en Galicia, o que supón 11,08 casos por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,8 da media estatal. O Plan Estratéxico de Prevención do Suicidio, aprobado en 2017, segue sen ser actualizado nin dotado de recursos. “Cada suicidio é un fracaso colectivo e institucional. O PP leva oito anos sen desenvolver aspectos clave dun plan aprobado hai oito anos, prometendo unha prevención que nunca chegou. A súa indiferenza e falta de responsabilidade custa vidas”, subliñou o secretario xeral de Sumar Galicia.

Sumar Galicia reclama pasar dos plans aos feitos: un novo plan galego de saúde mental con financiamento real, a contratación urxente de profesionais, o reforzo da atención primaria e a coordinación efectiva entre educación, servizos sociais e sanidade. “A saúde mental non é un luxo nin un asunto individual: é unha responsabilidade pública. Galicia precisa un Goberno que poña a vida e o coidado no centro, non un PP que converte a dor das persoas en propaganda”, concluíu Paulo Carlos López.