Sumar Galicia aposta por convertir A Mariña nun polo ecoindustrial motor do emprego verde

A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, estivo esta mañá nun acto de escoita coa veciñanza da comarca da Mariña en Viveiro. Acompañada polo cabeza de lista por Lugo, José Ramón Rodríguez Añón, Lois destacou a necesidade de mellorar o investimento en sanidade e apostar por un novo plan de industria para A Mariña.

En declaracións previas ó encontro, a candidata á Xunta destacou que moitos dos problemas que sofre a comarca “non veñen de onte, veñen de moito tempo atrás”, en especial no referido á falta de infraestruturas, coa sanidade e industria.

Lois insistiu na importancia dun plan industrial para A Mariña que pasa por “garantir un futuro en materia de enerxías renovables”. A deputada pola Coruña sinalou a importancia de garantir os compromisos de Alcoa cos traballadores tanto dende a Xunta de Galicia como dende o Goberno.

Na súa intervención no encontro a candidata resaltou que “é normal que a xente da Mariña estea supercabreada” e que teña unha sensación de abandono, tanto polas incertezas pola continuidade de Alcoa como o peche de Vestas fai tres anos.

Marta Lois sinalou que “o potencial industrial que ten A Mariña debe ser aproveitado” e que para iso “no programa de Sumar Galicia temos propostas cono da creacións de polos ecoindustriais” que “non teño dúbida serían moi adecuadas para que esta comarca se convirta no motor xerador do emprego verde de Galicia”.

A candidata engadiu que “para iso son necesarios investimentos e planificación” así como unha aposta decidida que permita ter futuro para os mozos e mozas do nos país e desta comarca”, dixo Lois.

A formación tamén mostrou a súa preocupación pola situación da sanidade na comarca. “En Viveiro e na Mariña faltan pediatras, está colapsada a Atención Primaria e no PAC de Burela están sen equipamentos en condicións adecuadas”, denunciou Lois. “Hai un clamor da necesidade de facer un xiro de 180 graos”.

Dende Sumar Galicia apostamos por un incremento do investimento en sanidade do 25% que “ non vaia para gasto farmacéutico nin privatización da sanidade senón que vaia para manter os hospitais das comarcas”, explicou a candidata.

“Manteremos tamén un plan de rescate á atención primaria. Garantiremos que haxa como máximo 48 horas para unha atención e un máximo de 24 horas en unha urxencias”.

Quero estar
informado/a