Sumar Galicia aposta por reforzar o parque público de alugueiro mercando as vivendas que os fondos buitre teñen á venda

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, instou hoxe á Xunta de Galicia a abrir negociacións directas cos fondos de investimento, ou fondos buitre, que operan no territorio galego, co obxectivo de adquirir as vivendas que están a poñer á venda e incorporalas a un parque público de alugueiro non enaxenable, que garanta unha xestión pública e estable da vivenda.

López advertiu de que “a especulación coa vivenda está a comprometer o dereito constitucional a un teito digno”, e subliñou que “Galicia non pode permitirse que miles de pisos queden en mans de fondos especulativos mentres milleiros de persoas teñen dificultades para acceder”.

Movemento Sumar Galicia considera que a Xunta dispón de instrumentos legais e financeiros suficientes para intervir e incrementar de maneira decidida o parque público de vivenda, especialmente a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

“O que pedimos é vontade política: que o Goberno galego sente a negociar cos fondos que están a vender activos inmobiliarios e poña esas vivendas baixo xestión pública. Ademais, esiximos que ese parque sexa non enaxenable, para que a Xunta manteña sempre un mecanismo amplo e estable de intervención no mercado da vivenda”, sinalou Paulo Carlos López.

Ademais, a organiación defende que alomenos o 10% da vivenda en alugueiro existente en Galicia debe ser pública, co obxectivo de conter as subidas de prezos e influír positivamente no mercado, garantindo alugueiros xustos e accesibles para a poboación.

Nos últimos días trascendeu que estes fondos de investimento a nivel estatal están a poñer á venda ou recapitalizar máis de 25.000 vivendas en España, un movemento que sinala a magnitude da súa presenza no sector da vivenda e a necesidade de que as administracións autonómicas actúen de forma decidida. 

Para rematar, Movemento Sumar Galicia reclama á Xunta transparencia e dilixencia para actuar fronte a un problema que afecta a milleiros de familias galegas, “porque o dereito á vivenda non pode ser un negocio, senón unha garantía de dignidade”.