Sumar Galicia leva ao Congreso a urxencia da reforma da N-120 ao seu paso por Ponteareas

O grupo rexistrou unha Proposición non de Lei e varias preguntas parlamentarias para coñecer os prazos das obras comprometidas polo Ministerio de Transportes

Sumar Galicia presentou no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei e unha serie de preguntas para instar ao Goberno a concretar os prazos da reforma da estrada N-120 no tramo urbano de Ponteareas, toda vez que o proxecto foi aprobado definitivamente e publicado no Boletín Oficial do Estado. O proxecto pasa agora a contar con carácter firme e un orzamento estimado superior aos 3 millóns de euros, pero aínda está pendente de ser licitado. 

O trazo da N-120 que cruza Ponteareas soporta cada día máis de 17.000 vehículos, entre tráfico pesado, desprazamentos locais e transporte interurbano, nunha contorna onde conviven núcleos residenciais, escolares e comercios. Esa convivencia, sinala Sumar, é un risco constante e intolerable, especialmente nun tramo que acumulou numerosos accidentes, incluíndo perdas humanas ou lesións a peóns que cruzaban a vía en condicións precarias, como levan anos denunciando os afectados. Nunha xuntanza coa plataforma a primeiros de mes, Sumar comprometeuse a levar adiante iniciativas para presionar e acelerar os plazos. Consideran intolerable que un proxecto que planificou medidas de seguridade leve anos paralizado no caixón do Estado.

A iniciativa parlamentaria de Sumar instará ao Goberno a asumir con carácter de prioridade a execución da obra, a proceder á licitación inmediata e a establecer un calendario verificable que garanta a celeridade tanto na adxudicación como no inicio e remate das actuacións. Tamén se solicita que o Executivo informe por escrito se considera prioritaria esta intervención, cales son os prazos previstos para a licitación e se está disposto a comprometer que a adxudicación se produza con celeridade e cun calendario verificable.

Verónica Martínez Barbero, portavoz de Sumar no Congreso, alerta de que “a aprobación definitiva no BOE é un paso indispensable, pero non basta: necesitamos compromisos claros e inmediatos para que esa reforma deixe de ser un proxecto sobre o papel e pase a ser realidade en beneficio da poboación de Ponteareas”. 

Pola súa banda, Manuel Lago Peñas, deputado membro da comisión de transportes, engade que “non imos permitir que a tramitación quede en papel mollado: se o Estado aprobou o proxecto, agora ten a obriga política e moral de poñelo en marcha canto antes. Non se pode seguir xogando coa seguridade viaria: cada día sen obras é un día no que vidas están en risco”.