Sumar Galicia propón a construción de Centros de Alta Resolución para apostar pola descentralización da Sanidade

A candidata de Sumar Galicia á Xunta, Marta Lois, presentou este mércores en Vigo as propostas da formación en materia de sanidade. Nunha xuntanza coa Plataforma SOS Sanidade Galicia, acompañada polo cabeza de lista da provincia de Pontevedra, Ramón Sarmiento, destacou a necesidade de descentralizar a atención sanitaria mediante a creación de Centros de Alta Resolución e presentou un plan de impacto para corrixir as listas de agarda.

“A primeira aposta de Sumar Galicia é a necesidade de construír no noso país o que denominamos os Centros de Alta Resolución (CAR). Son dispositivos hospitalarios que buscan ser un espazo de intermediación entre os grandes hospitais de referencia e os centros de saúde”, explicou Lois.

“Queremos apostar pola descentralización da Sanidade, que sexan os servizos sanitarios os que se poidan achegar ás galegas e galegos e non que eles teñan que ir ós grandes hospitais”.

Este cambio de paradigma supón un “xiro de 180 graos fronte as políticas de desleixo do Partido Popular durante estes 14 anos”.

A Xunta de Galicia, a Consellaría de Sanidade e o SERGAS, lonxe de adoptar medidas para recuperar a Atención sanitaria, cuns orzamentos expansivos, presentou unha proposta de orzamentos para o ano 2024, que ascenden a 13.257 millóns de euros, cun gasto sanitario de 5.165 millóns de euros. Aínda que crece un 4,2% respecto a 2023 (4.972 millóns), como a inflación prevista é do 4,3%, decrece respecto a 2023, o que supón unha renuncia a introducir as melloras que necesita a Sanidade Pública Galega para resolver os graves problemas que a afectan.

Dende Vigo, Lois apostou por un aumento do gasto en sanidade. “Apostamos por un incremento dun 25% do orzamento, nomeadamente na Atención Primaria”, sinalou a deputada no Congreso pola provincia da Coruña. “Ten que ir ó que se necesita e polo tanto non é para que se compute máis gasto farmacéutico e, por suposto, non é para máis gasto na xestión privada sanitaria”.

Antes do encontro coa Plataforma tanto Lois como Ramón Sarmiento, número 1 pola provincia de Pontevedra, denunciaron as condicións e a saturación que están padecendo os traballadores sanitarios por unha falta de planificación ordenada que lles permita tamén facer as súas funcións coa calidade que se demanda.

Sumar Galicia mostrou o seu apoio ás reivindicacións de SOS Sanidade Pública e confirmou a asistencia da formación á mobilización do vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela.

“Quero aproveitar que estamos en Vigo para dicir que somos esa poboación de Galicia que non ten hospital público de referencia”, sinalou Sarmiento. “En Galicia os compañeiros do Morrazo, as traballadoras e os traballadores de Coia ou do Val Miñor teñen un hospital privado como referencia e o resto da poboación de 410.000 habitantes nesta área sanitaria teñen un hospital que é propiedade de dous fondos de inversión. Podemos consideralos a herdanza na xestión sanitaria que nos deixan estes anos de goberno do PP”.

Plan de integral para abordar as listas de agarda

O déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal ás necesidades poboacionais, o que determina masificación das consultas, tanto na Atención Primaria, como na Atención Hospitalaria o que ten consecuencias negativas na calidade da atención que reciben os cidadáns, entre elas o atraso no diagnostico de patoloxías graves como as tumorais, o que provoca un colapso das urxencias hospitalarias.

Para paliar este problema, a candidata de Sumar Galicia propuxo hoxe un plan integral para abordar as listas de agarda.

“Todo mundo sabe que as listas de agarda neste momento debido ao desleixo do Partido Popular son de moitísimos meses, de moitísimos días onde moitas veces iso significa un detrimento para chegar aos diagnósticos de patoloxías graves que afectan a cidadanía”, dixo Lois.

 “Dende Sumar Galicia queremos un plan integral para corrixir as listas de agarda, para garantir que en 48 horas poidamos ser atendidos. Ademais dun plan integral para corrixir as listas de urxencias, para que en 24 horas calquera persoa que o necesita poida ser atendida”.

A candidata á Xunta tamén destacou a necesidade de mellorar as consultas e especialidades que máis afectan ás mulleres. “Non é de recibo que dende a Sanidade pública galega, dende a mala xestión e o desleixo do Partido Popular, as mulleres galegas non teñamos o dereito a atención xinecolóxica como un dereito máis que outro tipo de atención sanitaria”.

“Nestes momentos, agás teñas unha enfermidade grave, agás que teñas que ser atendida porque fuches nai e acabas de ter un parto, non tes dereito a atención xinecolóxica. Dende Sumar Galicia imos reivindicar para o conxunto das mulleres o dereito tamén á atención xinecolóxica”, concluíu Lois