Sumar Galicia propón o plan “Recupera Talento” para que retornen 1.000 investigadores/as galegos nunha lexislatura

Sumar Galicia impulsará o plan “Recupera Talento”, unha iniciativa que ten por obxectivo de que retornen á casa o numeroso persoal de investigación galego que actualmente está disperso polas universidades de Europa, por América Latina, por outras partes do Estado.

 “Queremos conseguir nunha lexislatura o retorno de 1000 investigadoras e investigadores galegas e galegos ao noso país”, dixo este luns a candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta.

Lois reuniuse esta mañá co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, para trasladar as propostas en materia de Universidades.

“En Sumar Galicia entendemos a Universidade como un dos piares fundamentais nos que apoiar o noso futuro e benestar”, dixo Lois.

“As universidades tamén merecen políticas públicas axeitadas e tamén un acordo de país que traballe polo consenso e que permita unha relación estable e eficaz”.

A candidata fixo fincapé en que se as galegas e galegos aposta por un cambio o próximo 18 de febrero, o goberno progresista que saia das urnas dará “un apoio contundente ás universidades e abriremos múltiples vías de colaboración, para poder establecer sinerxias e poder aproveitar a súa potencialidade como fonte de coñecemento e como institucións que son centrais e fundamentais para o desenvolvemento de Galicia”.

Ademais do plan “Recupera Talento”, Lois anunciou un Plan Estratéxico de Transferencia e Valorización do Coñecemento xerado nas universidades e centros de investigación.

 “Os centros de investigación téñense demostrado como as estruturas idóneas para desenvolver políticas de captación e retención de talento por iso estableceremos un marco estable que permita o desenvolvemento de políticas ambiciosas de xeración de coñecemento”, dixo a candidata.

Lois destacou tamén a incorporación aos plans plurianuais dun financiamento da actividade investigadora, que permita superar un modelo baseado no financiamento temporal dos proxectos, e que dote da necesaria estabilidade a investigadores, equipos e estruturas de investigación.

Quero estar
informado/a