Sumar Galicia recorrerá á Xunta Electoral a súa exclusión do debate electoral de RTVE previsto para o vindeiro 14 de xaneiro

Sumar Galicia denuncia o cambio de criterio con respecto aos debates celebrados por medios públicos en anteriores comicios autonómicos.

RTVE ofreceu participar no debate electoral exclusivamente ás forzas políticas que contan con representación no Parlamento de Galicia, non respectando deste xeito o criterio mantido pola Xunta Electoral Central en anteriores ocasións, que obriga a incluír nos plans de cobertura dos medios públicos aos grupos políticos significativos.

Sumar Galicia, no seu compromiso continuo coa democracia e o pluralismo político, recorrerá a recente decisión de RTVE de excluír a esta formación do debate electoral anunciado para o vindeiro 14 de xaneiro. Esta exclusión prodúcese a pesar da clara directriz da Xunta Electoral Central, que nos recoñece como un “grupo político significativo” segundo a Instrución 1/2015, do 15 de abril, da Xunta Electoral Central, relativa á interpretación do artigo 66 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral.

A Xunta Electoral Central, nas súas instrucións, subliña a importancia do pluralismo, a igualdade e a neutralidade informativa durante os períodos electorais. Especialmente relevante é a consideración de grupos políticos que, como Sumar Galicia, obtiveron un apoio electoral significativo (igual ou superior ao 5% dos votos válidos emitidos) en eleccións recentes. En concreto, Sumar Galicia tivo o pasado 23 de xullo o apoio dun 10,94% dos electores, que se traduciu en dúas deputadas e que representan a 175.813 galegos e galegas no Congreso dos Deputados.

A decisión de RTVE de limitar a súa invitación aos partidos con representación actual no Parlamento de Galicia (PP, PSdeG, BNG) ignora as instrucións da Xunta Electoral Central e compromete os principios democráticos de pluralismo e igualdade. Esta acción vai en contra do dereito dos electores a recibiren unha información completa e diversa sobre todas as opcións políticas significativas no ámbito electoral.

Sumar Galicia esixe a RTVE unha revisión inmediata desta decisión e o seu cumprimento das normativas establecidas pola Xunta Electoral Central. O partido liderado por Marta Lois, candidata á presidencia da Xunta de Galicia, representa unha voz inequivocamente relevante no panorama político de Galicia e a súa exclusión do debate vai en detrimento do dereito dos cidadáns a estaren plenamente informados.