Sumar Galicia reúnese cos afectados pola ampliación da A52 en Bembrive: “O de Caballero tamén é trumpismo”

Verónica Barbero denuncia que se opte pola opción máis lesiva para os veciños sen sequera falar cos afectados. “A mellor solución é que a AP9 sexa pública e gratuíta, como levamos tempo reclamando”, asegura a Portavoz de Sumar.

A portavoz de Sumar, Verónica Barbero, reuníuse coa Plataforma Bembrive en Pé de afectados pola ampliación da A52 para coñecer de primeira man as súas demandas e trasladarlles a oposición de Sumar a este proxecto. 

Tras a xuntanza, Barbero denunciou que con esta obra, “que non ten sentido nin razón”, o que está en xogo son os fogares de moitas persoas. Presionar e desprezar á xente desta maneira tamén é puro trumpismo”, asegurou aludindo ás maneiras autoritarias do alcalde de Vigo, Abel Caballero. 

Movemento Sumar Galicia aposta por unha recuperación da AP9 para o público, que sexa gratuíta e reducindo ao mínimo novas afectacións. “A solución non pode pasar por meter outro vial de alta capacidade nunha zona altamente saturada”, recalcou a Portavoz.

Ademais, dende Movemento Sumar Galicia tamén esíxese a realización de estudos ambientais e dos acuíferos pola súa posible afectación aos cursos de auga nunha zona con gran cantidade de cursos fluviais e augas subterráneas xa que, afirman, van ser as veciñas e veciños quen sufran o ruido, a polución e unha importante diminución da calidade de vida. 

O alcalde e o Ministerio deben sentarse coas afectadas e atender as súas peticións” instou a Portavoz, que tamén aproveitou para mencionar que segue a ser “inaudito” que nin a Xunta nin o Ministerio se poñan de acordo para construir o tren de cercanías que a Área Metropolitana de Vigo merece, en prol de reducir o tráfico e a dependencia do vehículo privado.   

Verónica Barbero rematou asegurando que “no que de nos dependa, esta obra non se realizará, e promoveremos unha solución alternativa, tanto no Consello de Ministros como no Congreso”

Movemento Sumar Galicia sostén que seguirá a loitar por defender os dereitos das familias afectadas, e por un deseño de insfraestructuras non lesivo, máis sostible e con menor impacto para a cidadanía.

Quero estar
informado/a