Verónica Martínez Barbero esixe no Congreso financiación para reter o talento investigador de Galicia

A colación dunha iniciativa do Partido Popular presentada en Comisión, a portavoz e presidenta de Sumar Galicia esixiulle á Xunta un programa de financiamento para consolidar aos investigadores e reter o seu talento.

Durante a Comisión de Traballo, Economía Social, Inclusión, Seguridade Social e Migracións celebrada no
Congreso dos Deputados durante a tarde do 11 de decembro, a portavoz e presidenta de Sumar Galicia, Verónica M. Barbero, aproveitou a súa intervención para esixir aos representantes do Partido Popular,
actualmente no goberno da Xunta de Galicia, que implanten un programa de financiamento para reter o talento investigador das súas universidades.
A portavoz expresou a súa sorpresa ante a presentación por parte do Partido Popular dunha iniciativa relativa a aprobar as medidas para garantir os dereitos do persoal becario de investigación en Comisión cando “non lle preocupa o persoal investigador cando goberna”.
“Señoría do Partido Popular, para falar da cotización das investigadoras, temos que ter investigadoras. E non como fan en Galicia, que enche a boca de talento mozo e de estratexias como ‘Galicia Retorna’ e non son capaces de reter con políticas aos bos científicos que temos”, dixo.
Barbero quixo alertar de que os plans de carácter estatal aprobados polo Ministerio de Universidades durante a pasada lexislatura, como as axudas María Zambrano ou Margarita Salas, verán caducar a súa vixencia en
poucas semanas sen que lles proporcione solución por parte da administración autonómica aos investigadores. “Verán os seus contratos rescindidos sen solución de continuidade, é responsabilidade da Xunta darlles unha resposta”, sinalou, no que supón “un esforzo inversor en formar e facer equipos para despois non darlles continuidade”.
“Non só se trata dunha vintena de persoas que queren quedar en Galicia, principalmente mozos e mulleres, senón tamén dos seus equipos de traballo e dos proxectos que están a levar a cabo, algúns deles financiados
e que permiten ao sistema universitario galego xerar investigación e transferencia”, remarcou a portavoz.
Para Barbero, esta situación tradúcese en “expulsar a homes e mulleres, maioritariamente mozos, dicíndolles que Galicia e España non son lugar para eles”. Aportou ademais algúns datos: “Como di a asociación Investigal, a súa inversión en I+D+i en Galicia é do 1,1%, lonxe do case 1,5% do conxunto do Estado e inferior á media da Unión Europea (2,3%)”.
A portavoz acusou aos populares de “non cumprir o Pacto pola Ciencia” e de non “ter en conta a calidade e a remuneración das súas investigadoras”. “Saben que un postdoc de primeiro ano da Xunta gaña menos ca un
predoc FPU de último ano?”, remarcou.
Por último, Barbero esixiulle aos do Partido Popular que “financien un programa para consolidar as axudas María Zambrano na Universidade de Santiago e na Universidade da Coruña, como tenta facelo en solitario a
Universidade de Vigo”. “Déixense de relato e actúen”, dixo.

Quero estar
informado/a